Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

.

Recollemos nesta entrada uns enlaces a uns artigos sobre a Romaría das Pascuíllas á Virxe da Franqueira, publicados en Aula Galicia, por Andrea, unha rapaza da nosa parroquia, do barrio da Rañó, que agora estuda nun instituto en Vigo, e a que felicitamos desde aquí polo seu traballo.

Neste primeiro enlace temos unha reportaxe escrita sobre o día da romaría.

No segundo unha montaxe multimedia, con imaxes, texto e vídeo resumindo a xornada.

Remata esta triloxía cunha reportaxe sobre o Coto da Vella, no monte da Franqueira, onde se atopa unha imaxe en pedra da virxe, con motivo dunha aparición nese lugar.

Chuzame! chuzame -

.

Hoxe queremos lembrar dúas persoas que xa nos deixaron e que entrelazaron os seus destinos.  José naceu en decembro de 1945 e Manolo en marzo de 1950.  Os dous faleceron aproximadamente coa mesma idade, 57 anos. Demasiado novos.

Ademais da súa condición de curmáns compartiron uns anos das súas vidas na emigración e, xa retornados, noutros traballos de hostalería. Ámbolos dous coincidiron nos barcos de cruceiros polo Caribe, alá polos anos 1980, nunha época na que era fácil traballar alí grazas aos contactos dos que chegaran antes. Tra-la súa volta á terra, traballaron en Baiona, no hostal Rompeolas, durante unhas tempadas. Os últimos anos das súas vidas compartiron unha saúde delicada, consecuencias dos disgustos da vida e os malos consellos do alcohol.

José María Vidal Seoane (José do Ledo) foi fillo de Enrique Vidal Rubianes e Rosa Seoane David. De novo foi un rapaz alto, espigado, tímido. Ben pronto viuse marcado co destino da emigración. E sobre os 16 anos foise para Inglaterra, traballar de cociñeiro na hostalería. Alí botou uns anos. Casou en Guillade e foi coa muller de volta a Inglaterra, onde tivo unha filla, pero co mal fado de que morreu a súa muller no parto. Ese acontecemento condicionou moi pesarosamente a súa vida, e de feito, poderíase dicir que el cargou con ese peso toda a vida.

José con súa nai, Rosa Seoane David, polo ano 1963.
José con Aníbal e Luciano da Quintanilla
José con Manolo e o Chico da Quintanilla
José e súa muller no día da súa voda
 
José coa súa muller en Inglaterra

A súa vida deixou un ronsel de traballos, en Inglaterra, Barcelona, o Caribe... primeiro como cociñeiro, e tras unha paréntese na construción e como pintor, volveu outra vez de cociñeiro, a súa profesión definitiva: chegou ser xefe da cociña fría nos barcos, e xa de regreso na terra traballou en dous ou tres mesóns de Vigo.

Foi un bo cociñeiro. A súa especialidade era a cociña fría... as ensaladas que perfeccionara nos cruceiros e que levaban mil ingredientes, pero todos ben combinados e ben adornados. Deses pratos que xa se comen só cos ollos. Pero tampouco estaban mal os pratos de sempre: os callos, os riñóns, a lingua de vaca, a fabada ou a pescada no forno ou á romana. Gostaba de lucir os seus pratos e non regateaba cartos nin tempo cando había algunha celebración, ou simplemente os domingos, para presentar na mesa o mellor de si mesmo. Eses días na casa comíase a corpo de rei. Lástima da perda dese saber... desa vida.

Tamén lle gustaban as cousas do campo e era de corazón xeneroso. Cando retornou de andar traballando no mar mercou un chimpín, un dos primeiros de Guillade, e todas as máquinas que se precisaban para o traballo: fresadora, sementadora, motoserra... coa idea de facilitar dese xeito os traballos do campo aos seus pais, con quen vivía. Tamén mercou o primeiro coche para a casa, ao nome do seu sobriño Xosé Manuel, un 127 amarelo que durou unha chea de anos. Era a súa forma de compensar o esforzo e os sufrimentos dos anos que botara fóra da casa.

Pero a vida foi cruel e desalmada con el, unha desagradecida.

Manuel Gil Seoane (Manolo dos Quintos) era seu curmán, fillo de Saladina Seoane David e de José Gil. Tamén casou e tivo tres fillas. Probablemente Manolo e José xa xogaran os dous de nenos polos camiños de Mourigade, e xa compartiran as penurias escolares, argumentos para ir tecendo a súa amizade. Posiblemente a emigración temperá marcou un primeiro momento de ruptura, talvez o máis doloroso, nas súas traxectorias comúns. Sabemos que Manuel emigrou de novo a Alemania, e que un ano, cando viu de volta, chegou cun flamante Mercedes, símbolo do éxito acadado.

Logo compartiron os anos de traballo nos cruceiros, pola zona do Caribe, pero que tamén daban a volta ao mundo, e paraban en centos de lugares, mesmo da costa mediterránea, e en especial da costa grega, de onde eran algúns dos armadores. Barcos coma o Amerikhanis, o Rapsody... quedan na nosa memoria. E miles de aventuras que contaban, dos lugares que visitaban, da dureza do traballo, das mulleres que os perseguían... Manolo traballaba de camareiro, servindo aos turistas, e debido ao seu carácter peculiar e sociable desenvolvía esa profesión con solvencia, chegando incluso a ostentar cargos de responsabilidade.

 

Nesta foto están José e Manolo e súa muller, entre outros.

José diante dun bufett decorado por el mesmo e os  seus compañeiros

Posando a tripulación do barco, están na foto José, Carlos da Quintanilla e o Mariano taxista.

De regreso na terra, a etapa no hostal Rompeolas de Baiona foi quizais a máis feliz, ou a máis cómoda... facían as tempadas do verán. Cónstame que tiñan a consideración do seu xefe e eran en certa medida os seus confidentes e homes para todo. O xefe viu coa súa familia xantar a Guillade máis dunha vez, como signo de aprezo, e traía angulas e lamprea.

Manolo contaba como seu pai, que estivera traballando en Lisboa cando el era neno, acostumaba mandar paquetes con alimentos ou roupa para a familia. Unha vez alguén lle preguntou ao seu pai que para quen era aquilo, e el contestoulle con graza: "é para os meus canarios". Por iso, a Manolo daquela quedoulle o sobrenome de "O canario".

Cando morreu José tocaron as campás da igrexa moito tempo e con máis tristura do común... O Canario fora tocar, pois agora na parroquia apenas hai sacristáns e tocan pouco tempo porque teñen moitas presas. Era a despedida e o recordo dun amigo. E algunha bágoa acompañaba os sons.

Onte volveron sonar as campás... e tamén tiñan máis tristura do común. Talvez José lle devolveu aquel xesto xeneroso, para xuntar de novo os seus destinos... desta vez para sempre.

Chuzame! chuzame -

.

.

O pasado día 8 de maio, nun acto celebrado no Museo de Pobo Galego coa participación de figuras senlleiras da cultura galega como Isaac Díaz Pardo, autoridades políticas, e representantes da Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar a inauguración da exposición: <<Historia dunha emigración difusa. 500 anos da emigración galega a Lisboa>>.

Dito traballo é o resultado da laboura de investigación realizada entre diferentes entidades públicas e privadas, investigadores (como o profesor de Hª Contemporánea da propia USC González Lopo) e Acuarela Producións, unha produtora que xa ten realizado varios documentais de carácter histórico sobre persoeiros ilustres como Alexandre Bóveda ou Castelao.

Este traballo acadará o seu clímax a finais deste ano 2008 no Centro Galego de Lisboa -co gallo do 100 aniversario da súa constitución-, coa estrea dun documental que recolle os testimonios de galegos e galegas que residiron, naceron ou que aínda viven en Lisboa.

De feito, durante o verán do 2007 tivemos a inmensa fortuna de que varios membros da equipa de Acuarela Producións, como: Sara, Xosé, Valentín... (que aparecen na foto, e a quen lles agradecemos o esforzo e ilusión depositados neste proxecto), estableceron contacto con varios veciños de Guillade que na medida das súas posibilidades axudaron no que poideron a dar forma a este traballo.

É así, que tanto nese documental, como nas fotografías e textos que dan forma a esta exposición itinerante (que tamén poderá verse en Ponteareas), aparecen varios dos nosos paisanos e paisanas que ou ben aínda residen na capital lusa ou que xa “cumpriron” coa tradición guilladense de botar uns anos naquelas Terras... Xunto a todos eles, aparecen tamén outros emigrantes galegos de As Neves, Covelo, Ourense... que tamén marcharon algún día buscar un futuro mellor alén o río Minho.

MUITO OBRIGADO A TOD@S POR FAZER POSSÍVEL ESTA HISTÓRIA

 

Chuzame! chuzame -

 .

A Consellaría de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, vén de convocar por segundo ano consecutivo unha liña de axudas destinadas á conservación e restauración dos bens etnográficos galegos. Cun orzamento de 300.000 euros están dirixidas aos propietarios de bens inmobles inventariados, tales como hórreos, cabazos, piornos, celeiros, cruceiros, petos de ánimas, palleiras, alpendres, pallozas, muíños, fontes, lavadoiros, fornos, pombais e outros elementos etnográficos similares.

As axudas a particulares e asociacións para a restauración de bens etnográficos teñen por obxectivo contribuír a concienciar sobre a importancia do patrimonio, na liña da campaña que está desenvolvendo a Consellaría de Cultura, co obxectivo de transmitir a necesidade de coidalo. Cunha política de tolerancia cero e unha campaña de concienciación social, Cultura busca facer fronte ás continuas agresións ás que está exposto o patrimonio cultural galego e que afectan gravemente a riqueza cultural do país.

Noticia publicada na Web da Consellaría de Cultura e Deportes.
Chuzame! chuzame -

 

Enrique Vidal Rubianes era natal da parroquia de Vilacoba, pertencente ó municipio de Salvaterra de Miño. Naceu no ano 1912 e morreu no 1981, con 69 anos de idade. Fillo de carpinteiro seguiu o oficio de seu pai, e foi moi recoñecido e respectado en Guillade e nas parroquias veciñas. Coñeceu a Rosa Seoane David, que nacera en Guillade no ano 1913, na casa dos Quintos, en Mourigade, e faleceu no ano 2000, ós 87 anos de idade. Rosa foi unha muller moi sociable e faladora, moi querida na parroquia.

Rosa era a maior de 6 irmáns (Saladina, Hermindo, Otilia, José, e Manolo). Seus pais foron Regina e Darío do Mellado. De Darío, tamén coñecido como Darío dos Quintos, sabemos que nacera no barrio do Casal, en Uma, e que estivo emigrado en Lisboa, traballando na hostalería. Xa pouco antes da guerra civil do 36 pasou a rexentar a Casa Medal, (despois Bazar Romero) unha casa de comidas en Ponteareas. Miña avoa contaba que no tempo da guerra axudou a esconderse a algunhas persoas que eran perseguidas. No libro Memorias e ricordos de Guillade, de Xosé da Casquilla, tamén di que Darío era un home moi servicial e que prestaba unha gran atención ás carrexonas, que comían alí os xerelos que mercaban na praza, e logo Darío só lles cobraba o pan e o viño.

Seguindo con Rosa, sabemos que de nena, e como era habitual naquel tempo, súa nai obrigábaa a traballar e a cuidar dos seus irmáns e non a deixaba ir á escola, contrariando así o desexo do seu pai. Este estaba emigrado en Portugal e mandáballes cartos para vivir. Dese xeito, só asistiu á escola durante uns dous anos e en períodos concretos, cando seu pai viña de vacacións e a mandaba. Aprendeu a ler e a escribir e segundo ela os mestres considerábana intelixente. A ela gustáballe ir á escola e chegou algunha vez a escapar pola ventá da súa casa para poder ir.

Logo que se coñeceron, Rosa quedou embarazada, e coincidiu co momento en que deu comezo a Guerra Civil española de 1936, co cal Enrique viuse obrigado a incorporarse ó bando franquista. Por esta razón casaron polo rexistro civil e postergaron para o fin da guerra a ceremonia católica. Durante a guerra Enrique foi ferido nun ombro e dende ese momento incorporouse como camilleiro, recollendo ós feridos nos frentes.

Ó acabar a guerra, mercaron un pardiñeiro –unha casa xa vella- no eido do Ledo, e pasaron a vivir alí. Viñeron entón uns anos difíciles, onde había pouco para comer e non se gañaba nada. Viñeron tamén os fillos, o primeiro Francisco, que xa nacera no 1936. Logo viu unha muller que falecería ó cabo dun ano, o mesmo día que nacía un segundo fillo, Manuel. Logo aínda tería outro fillo máis pero que morrería tamén de alí a dous anos. Por último nacería José María.

Como as demais mulleres da aldea, Rosa traballaba sen descanso de veiga en veiga, dende o saír do sol ata despois da súa posta. Naquel tempo as veigas cedíallas algún veciño, ó que tiña que darlle unha parte da colleita. O seu modo de vida xirou arredor do traballo na terra, co cultivo do millo, as patacas e a horta.

Esa economía complementábase co cuidado dalgúns animais: cando puideron tiñan dúas vacas na casa para o leite, o traballo e sacar algúns cartos coas crías. Máis adiante foron quedando cunha vaca soa, ata os anos noventa, en que foron desaparecendo as vacas das economías domésticas. Xunto coas vacas sempre se criaron na casa un ou dous porcos, unha ou dúas ducias de galiñas, coellos, etc.

Contaba Rosa que ó principio eles eran os máis pobres do lugar, que non tiñan ningunha terra propia, e que logo pouco a pouco foron comprando algunhas terras. A primeira foi a “Porta da corte”, que dedicaron ó cultivo da viña; logo virían outras: “A barronca”… Unha boa leira era “O outeiro”, que foi un regalo que a madriña lle fixo a ela antes de morrer. Sobre o ano 1975 aínda compraron dúas veigas que lles supuxeran un grande gasto. Era a forma tradicional de investir os cartos.

Xa polo ano 1960 constrúen unha nova casa, a actual casa do Ledo, en Mourigade, ó lado da primeira, que a partir de entón pasará a chamarse “casa vella”. Alá polo ano 1962 naceu o seu primeiro neto, Xosé Manuel, fillo de Francisco e Clemencia, e cuidaron del coma dun fillo máis, dende o seu primeiro ano de vida, xa que os pais do neno tiveran que emigrar a Barcelona. E agora, aquel neto ofrécelles esta pequena homenaxe, a modo de recordatorio para toda a eternidade.

Pódense ver o resto das fotos aquí

Chuzame! chuzame -
María Rosa Bouzó Pérez
Marzo 7th, 2008 por guillade in Xente de Guillade No Comments

María Rosa Bouzó Pérez era a miña madriña. Naceu no ano 1911 e faleceu no ano 2006, por tanto andaba nos 93 anos de idade. Foi unha muller enxuta, delgada, seca, sen carnes… pero todo nervio, e de forte carácter. Eu recórdoa ata os seus últimos anos cociñando na súa propia lareira, encendendo o lume tódolos días, utilizando unha tixola na que botaba graxa de porco en vez de aceite… e bebendo unha boa cunca de viño coas comidas.

Nos seus últimos anos rompera unha perna, por baixo do xeonllo, pero logo de botar dous ou tres meses na cama ergueuse e comezou a andar de novo. Andaba polas veigas adiante coas súas tres ou catro ovellas, podando as viñas, traendo feixes de herba ó lombo para a casa… Ata os oitenta e tantos anos mantivo sempre ó menos unha vaca e púñase a máquina de sulfatar ó lombo para sulfatar tódalas súas viñas, que aínda eran bastantes e levaba un día enteiro polo menos dar unha man de sulfato.

Moitas veces ía vela e sentábame ó pé da súa lareira a falar e escoita-las súas historias. Contábame que de nena vivía coa súa nai, e que con once anos ou así, comezara a ir polas feiras a negociar co gando. Ela considerábase lista e espabilada para os negocios… Frecuentaba tódalas feiras importantes dos arredores, e ía a pé ata A Caniza (unhas tres horas andando), Lira, Ponteareas e Covelo dúas veces cada mes. Compraba gando nun sitio para logo vendelo no outro, ás veces daba gando ó gaño, e gañaba cartos… contábame que fixo negocios nos que gañara case 100 pesos nun día, o que debía ser toda unha fortuna. Entre ela e máis súa nai, pero máis por iniciativa dela, decidiron construír unha nova casa no tempo da guerra.

Tamén nos seus tempos de moza tiña moito éxito o serán que se organizaba nunha corte do seu eido acondicionada a tal fin. Tódolos xoves (que aquí chamamos quintafeira) organizábase unha grande festa á que viñan os mozos dos arredores, dende Vilacoba, San Pedro, etc., na procura das mozas. Era norma que as mulleres non lle podían negar o baile a ningún mozo que llo pedise. Algunha que outra vez acababan en pelexas. Despois da guerra Franco prohibíu as xuntanzas e acabouse o serán.

A meu padriño apenas o coñecín, apenas o recordo… sei que me quedei coa imaxe del co pitillo na boca… pero cando eu tiña catorce anos morrera na casa dun infarto ó corazón. Non tiveron fillos. Aporfillaron unha sobriña, que viviu con eles na casa, miña nai.

Coa miña madriña eu leveime bastante ben. Eu valorei sempre o seu carácter e o seu modo de vida. Foi unha persoa sempre autónoma, autosuficiente. E cónstame que traballou duro, coma ningunha outra muller do lugar. Eu fun durante anos o único partícipe dalgúns dos seus segredos. Por exemplo, foi ela quen donou o reloxio da igrexa de Guillade, pero de forma anónima, de xeito que só o sabía o cura e durante moitos anos aquilo foi unha incógnita. Noutra ocasión donou un cáliz novo porque roubaran o anterior.

Ela levábase ben co cura. Aínda que non con todos, pois unha vez que abriron unha pista en Mourigade fíxolle firmar ós homes que levaban a iniciativa, e entre eles ó cura, don Avelino, un papel no que se lle garantizaba que despois de arranxado o ramal se lle debía construír un muro nas terras que ela cedía da súa propiedade. E aquel muro nunca se construíu. Ela xamais lle perdonou a aquel cura a súa falta de palabra, e chegou a discutir en público con el algunha vez, e a chamarlle "testigo falso", e non sei que máis. Podería dicir que os valores da miña madriña eran os dunha persoa seria, de palabra, unha persoa de peso –como dicía ela-, recta, honrada…

Algunhas anécdotas que recordo con ela foi cando tendo eu catorce anos regalárame un reloxio automático, marca Orient, que custara daquela 6000 ptas, e que levei moitos anos no pulso. Outra vez pedinlle un préstamo, para comprar as miñas primeiras colmeas, e dérame 100.000 ptas e dixérame que non llas tiña que devolver. No tempo que eu estaba na mili, ó chegar á casa ela viña verme chamando por min con entusiasmo… “Josémanueliiiiiño”. Eu de vez en cando axudábaa nalgún labor do campo, mesmo a sulfatar, buscarlle herba, leña, mover algunha pedra ou calquera outra cousa, e ela sempre me pagaba aínda que eu non llo quixese aceptar.

Chegou un momento no que ela decidiu comprar un moticultor (chimpín) con remolque, que lle custara sobre 600.000 ptas, e puxérao ó meu nome; de alí a dous anos comprou tamén unha fresadora para sachar, con sementadora… Foi o momento no que incorporou a nova tecnoloxía aos labores do campo.

Miña madriña era como unha reliquia do pasado, un anacronismo vivinte. Seguía fiel e imperturbable cos seus principios, propios de 40 ou 50 anos antes. Eu non sei que tipo de fe a mantiña en pé. Vendo como todo se ía transformando ó seu redor, como ían desaparecendo os últimos vestixios do seu modo de vida, a xente que coñecía, e ela sempre imperturbable, segura de posuí-la verdade, a certeza suprema. Nunca lle vin un momento de debilidade. Falando comigo criticaba ós xoves de agora, que se non queren traballar, que só estudiar e non sabe para que, que se as mulleres de agora só fan fumar e non son como as de antes… e eu escoitábaa e respectábaa.

 

A seguir, unha historia de vida na súa propia voz:

 

1. Días nos que se celebraban as feiras.

2. Negocio na feira de Lira

3. Negocio na feira da Cañiza

4. Farta de rir no alto da Canda (Cañiza)

5. Roubo na súa casa e como descubriu ao ladrón

6. As festas do serán

7. Paso rápido pola escola, a Rosa dos Quintos

8. Breve historia da súa familia: pais, irmáns...

9. O seu home: voda, negocios en Lisboa...

10. A economía doméstica, ingresos económicos

11. Traballos do campo

12. Os novos tempos e a xente nova

13. Cociñando na lareira

14. Rachando leña na lareira

Chuzame! chuzame -

 

A natureza humana, a esencia humana... ou o sedimento humano? Esta metáfora xeolóxica alude ó proceso histórico de constitución do ser humano. Numerosas capas que se superpoñen, que se entrelazan, outras que se integran... A compoñente biolóxica pon a materia prima, pero as sucesivas transformacións culturais e sociais tallan, moldean ou esculpen en último termo as súas propiedades básicas. O ser humano constituíuse na relación cos seus semellantes. É un ser social. A dimensión biolóxica pasa a un segundo nivel.

 

Na evolución do ser humano podemos distinguir unhas correntes ou tendencias básicas, profundas, subxacentes, e que serían:
1.Unha compoñente emocional versus outra racional. A compoñente emocional domina nas sociedades primitivas e vai cedendo o seu espazo á compoñente racional nas sociedades avanzadas. Reflicte tamén a relación existente entre relixión e ciencia.
2.A evolución dende a sociedade ó individuo. Nas sociedades primitivas primaba o valor da cohesión social (o individuo podía ser sacrificado en ben da sociedade). As sociedades modernas destacan o valor do individuo ó que lle outorgan un conxunto de dereitos fundamentais (aínda que en situacións excepcionais tamén pode ser sacrificado no nome da sociedade).

As tendencias de fondo son como a corrente do río da humanidade. O río avanza polo terreo que definen as condicións de existencia, os accidentes xeográficos: alta montaña, rápidos encaixoados, amplios vales, chairas infindas. Na xuventude social (e tamén individual) domina en boa parte a emotividade humana, e consolídase a través dos mitos, dos ritos, dos costumes e as tradicións (maxia, relixión...). A madurez ten por sustento principal a racionalidade humana (ciencia, argumentación lóxica e empírica...).

A compoñente emocional vai perdendo peso dende unha perspectiva histórica. Pero segue viva, e aínda que se deixa adormecer baixo a tenue capa de polvo que vai pousando manseniñamente o silencioso reloxo do tempo, tamén é verdade que se sobresalta coma nun pesadelo cando sopra o frío vento das incertidumes, da ameaza á seguridade existencial, aínda que esta traia tras de si a hipotética promesa dunha mellora das condicións de vida.

A consolidación da racionalidade humana como un valor hexemónico non acontece ata a Idade Contemporánea. Os seus antecedentes atópanse nas primeiras civilizacións pero son os gregos os primeiros en definir ó home como un ser racional e en base a esa premisa deseñaron a forma política de goberno que denominaron democracia. Dende aquela ata hoxe esa forma de goberno foi abrindo e consolidando novos espazos.

O momento culminante a nivel simbólico que marca o paso dende o dominio da emotividade á emerxencia da razón acontece coa revolución francesa de 1789 (fins do século XVIII, hai apenas pouco máis de 200 anos, aínda que nos dous séculos precedentes foron necesarias multitude de transformacións, basicamente a nivel económico e social para que se concretase a revolución política). Dúas novas bandeiras ondean no espazo conquistado: a razón e o individuo. Xunto con elas van pervivir as vellas estruturas, representadas nos costumes e tradicións.

As sociedades actuais buscan a súa lexitimación nos fundamentos racionais. Xa Weber establecera que a razón fundamenta unha orde social denominada dereito. Os sistemas políticos aceptan esa orde baixo a forma de democracia. A democracia susténtase no principio da igualdade de dereitos dos cidadáns (individuos), e na súa capacidade para o diálogo, para resolver coa palabra e non coas armas as súas diferenzas. Nestas condicións emerxen novos valores: a democracia, a liberdade, a igualdade social, o pluralismo, o respecto ás diferenzas, etc.

Pero a batalla continúa.

Xose.

Chuzame! chuzame -
De Guillade a Lisboa
Febreiro 12th, 2008 por guillade in Memoria histórica No Comments

Cales ou cantas son as casas de Guillade, nas que ningún dos seus membros emigrou nalgún momento da súa vida a Lisboa? Seguramente moi poucas, por non dicir case nengunha… De feito podemos incluso afirmar, que os múltiples lazos que nos unen coa capital portuguesa son un dos principais símbolos de identidade da nosa parroquia.

Resulta practicamente tan interesante como complexo pór unha data ao comezo deste intercambio cultural; e non falamos de “intercambio” por casualidade, xa que cando alguén emigra ou inmigra, o trasvase cultural é inevitabel: palabras que se adoptan como propias, costumes, receitas gastronómicas… por non falar das amizades e familias mixtas que acaban xurdindo…

Mais como íamos dicindo, non resulta doado esclarecer en que momento da Historia as vidas e camiños dos guilladenses escomezaron a virar alén Miño, ao igual que a de moitos outros paisanos de aldeas, parroquias e concellos veciños: Batalláns, Uma, Covelo, Pazos de Borbén, A Cañiza, etc.

Se ben parece que a mediados do século XIV, xa se teñen datos da existencia dalgunha pequena colonia galega residente de xeito estábel no Porto e Lisboa adicadas ao fornecemento e comercio de peixe salgado. Este tipo de relacións sociais e económicas en torno ao comercio marítimo, fóron afianzándose co tempo, pese aos abundantes atrancos atopados no camiño, como os enfrontamentos bélicos entre as coroas española e portuguesa. De feito, guerras como a de mediados do século XVII (Guerra da Restauración), incidíron notablemente tanto nas relacións como no número de galegos que traballaban ao longo da costa portuguesa.

Hai que agardar ao fin doutra guerra (a da Sucesión Española) nos albores do século XVIII, para que o fluxo migratorio dende o sur de Galiza principie a coller forma e pulo, trocando os destinos habituais naquel tempo da migración galega: Andalucía e Castilla -lembremos os versos de Rosalía: <<…castellanos de Castilla, tratáde ben aos galegos…>>- polo país veciño, se ben xa hai datos da presenza dos nosos paisanos na primeira metade do século XVII en Lisboa.

Coa chegada pois do século XVIII prodúcese un duplo fluxo migratorio: por unha parte nas rexións norteñas portuguesas do Miño e Tras-os-Montes, un importante continxente de man de obra masculina desprázase a Brasil co descubremento do ouro e diamantes nesta parte do Continente. Esta situación provoca que en ditas rexións se forme “un baleiro” de individuos en idade laboral que xunto ao importante proceso de transformación agraria levado a cabo nesas zonas nestes intres, caracterizado por un profundo cambio da orografía e a paisaxe.

É o tempo no que miles de hectáreas de terreos hermos ou adicados a diversos tipos de cultivo (centeo, millo...) pasan a adicarse ao cultivo de viño verde, polo que é preciso abundante man de obra que chega dende Galiza, especialmente de concellos como: A Cañiza, Melón ou Fornelos de Montes, pero xa non tan só para traballar no agro ou na viticultura, senon tamén como pedreiros ou simples criados.

De igual xeito, en paralelo a estes traballos e tarefas, o comercio de peixe levado a Portugal por galegos non deixa de medrar, especialmente o peixe curado ou salgado, destacando o seu volume de negocio e presenza nas vilas e cidades como Porto, Vila do Conde, Póvoa do Varzim...

Ímos chegando así a finais do século XVIII, un tempo no que o número de galegos residentes (permanentes e estacionais), sitúase por enriba dos 50.000, se ben é certo que esta cifra redúcese en torno aos 20.000 no inicio do século XIX por mor da chamada “Guerra das Laranxas”. Nembargantes, pese aos abundantes conflitos que asolaron a primeira metade dese século a un lado e a outro do Miño: Guerra contra os franceses, luitas entre liberais e realistas, etc... os fluxos migratorios ao “país veciño”, non tardan en recuperarse.

Neste tempo as tarefas ás que se adican os galegos comezan a diversificarse, pasando a adquirir relevancia os traballos levados a cabo nos entornos urbanos, en contraposición aos mencionados anteriormente vencellados co comercio de peixe, o agro ou a canteiría. É así como xurden ás figuras dos “augadores”, “carboeiros” ou os “moços de fretes”, traballos duros e pouco prestixiosos que víronse obrigados a realizar os nosos antergos en cidades como Porto e Lisboa primordialmente.

Pero pouco a pouco “o conto” empeza a cambiar, xa que co tempo aqueles homes e mulleres condeados a realizar os peores traballos, grazas a importantes sacrificios, e unha forte capacidade de aforro pasan a ser emprendedores destacados no sector servizos, mellorando deste xeito o seu estatus e consideración social. Así pois, a medida que moitas “carboerías” ían desaparecendo ao mesmo ritmo que o facían as vellas caldeiras de calefacción a quén suministraban carbón, moitos destes locais pasan a transformarse en tendas de ultramarinos, comercios, adegas distribuidoras de viño a granel, casas de pasto, tabernas,etc.

De igual xeito, tanto á xente de Guillade como os seus veciños, empezan a atopar o seu nicho laboral especializándose en traballos e áreas concretas: os guilladenses na hostelería, os de Santiago de Oliveira na construción, mentres que por exemplo os de Pazos de Borbén comezan a destacar como cociñeiros.

Dentro deste contexto de relativa prosperidade e bonanza económica, a colonia galega coa chegada do século XX pode empezar a permitirse pequenos luxos e praceres inimaxinábels tempos atrás... Así en 1907 na rúa Ribeira Nova xurdiría a semente do que co tempo pasaría a chamarse a “Xuventude de Galiza”, que un ano máis tarde instálase na rúa de Rosa, onde permañeceu como centro de reunións e xuntanzas ata o 1912, ano no que se traslada á rúa da Madalena ata que finalmente en 1988 gracias a unha doación do empresario de Caritel (Pontevedra) Manuel Boullosa a “Xuventude” pasa a ocupar o palacete da rúa Julio Andrade.

Nembargantes, moitos dos nosos paisanos xa non chegaron a disfrutar das actividades e actos celebrados en dito palacete, xa que a mediados da década dos 70, nos convulsos anos da caída do Salazarismo, máis da metade da colonia galega asentada en Portugal (en torno a 30.000 persoas naquel intre) abandoan o país para voltar definitivamente á Terra.

Hoxe en día o panorama e a situación política e social é ben diferente, a migración galega a Portugal caracterízase pola súa alta cualificación e por ser cuantitativamente menor que noutrora, sendo agora “os nosos veciños do sur” os que se ven na obriga de desprazarse á Galiza a traballar en sectores duros como a construción, se ben é certo que gracias as novas vías de comunicación unha inmensa cantidade de persoas desprázanse diariamente ao longo do Eixo Atlántico para ir traballar a un e outro lado do Miño, en multitude de diferentes sectores e variadas actividades: médicos, estudantes, comerciantes... voltando de novo ao remate da xornada ás súas casas.

Os tempos cambian, a vida da moitas voltas, onte fomos nós, agora son eles... a emigración non é algo novo... sempre existíu; cambian os destinos, as rutas, as formas de emprender as odiseas persoais de cada un dos individuos que se mira na obriga da afastarse da súa terra e familia: antes cruzábase o Miño nunha barca de remos, logo apareceu o trasbordador, agora hai unha ponte... e que sorte tivemos por estar a unha dúcea de metros doutro lado e non a unha dúcea de kilómetros, e de non ter que pasar en pateras!! Lembranos ísto a algo?

Chuzame! chuzame -
Via Alterea
Febreiro 11th, 2008 por guillade in Monumenta histórica No Comments

Vias romanas de Gallaecia

Nesta sección imos facer un traballo de reconstrución histórica da Via Alterea romana dende Ponteareas ata a Franqueira.

É unha proposta da irmandade gastronómica.

Este traballo podedes atopalo nun wiki deseñado a tal efecto.

Chuzame! chuzame -
Historia de Ponteareas
Xaneiro 5th, 2008 por guillade in Memoria histórica No Comments

No ano 1983 publícase esta Historia de Ponteareas, libro que recolle dous traballos, o primeiro de Mariano Piñeiro Groba e o segundo de Claudio González Pérez. Nel atóponse varias referencias á parroquia de Guillade.

"A primeira cita documental é do ano 963, e trátase dunha donación ó mosteiro de Santa Leocadia, que estivo situado no lugar de A Encostada, pertencente á desaparecida parroquia de Santa Leocadia de Guillade, que aínda existía no 1528. O 18 de maio de 1074, Hermesenda Menéndez entregoulle ó bispo de Tui, entre outras, a feligresía de San Miguel de Villate. E, por último, o 5 de febreiro de 1205 o rei Alfonso IX donou a Suero Didaci o realengo de Guillady, cos seus cotos, donación que volveu a confirmar en 1228, e este entregoullo ó mosteiro de Melón" (pp. 65-66 do traballo de Claudio González Pérez).

A obra do párroco de Angoares D. Mariano Piñeiro Groba fora xa publicada no ano 1941, e ademais dos datos propiamente históricos incide nos aspectos etimolóxicos da toponimia de todo o concello.
A segunda parte da obra corresponde a Claudio González Pérez, membro do Instituto "P. Sarmiento" de Estudos Galegos, e fai unha revisión histórica e dedica un apartado significativo ás figuras de ponteareáns ilustres.

Para rematar poñemos unha foto dunha pía medieval que estaba na capela de Santa Leocadia, que ven no citado libro.

Chuzame! chuzame -