Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…
Historia de Ponteareas
xaneiro 5th, 2008 by guillade in Memoria histórica No Comments

No ano 1983 publícase esta Historia de Ponteareas, libro que recolle dous traballos, o primeiro de Mariano Piñeiro Groba e o segundo de Claudio González Pérez. Nel atóponse varias referencias á parroquia de Guillade.

"A primeira cita documental é do ano 963, e trátase dunha donación ó mosteiro de Santa Leocadia, que estivo situado no lugar de A Encostada, pertencente á desaparecida parroquia de Santa Leocadia de Guillade, que aínda existía no 1528. O 18 de maio de 1074, Hermesenda Menéndez entregoulle ó bispo de Tui, entre outras, a feligresía de San Miguel de Villate. E, por último, o 5 de febreiro de 1205 o rei Alfonso IX donou a Suero Didaci o realengo de Guillady, cos seus cotos, donación que volveu a confirmar en 1228, e este entregoullo ó mosteiro de Melón" (pp. 65-66 do traballo de Claudio González Pérez).

A obra do párroco de Angoares D. Mariano Piñeiro Groba fora xa publicada no ano 1941, e ademais dos datos propiamente históricos incide nos aspectos etimolóxicos da toponimia de todo o concello.
A segunda parte da obra corresponde a Claudio González Pérez, membro do Instituto "P. Sarmiento" de Estudos Galegos, e fai unha revisión histórica e dedica un apartado significativo ás figuras de ponteareáns ilustres.

Para rematar poñemos unha foto dunha pía medieval que estaba na capela de Santa Leocadia, que ven no citado libro.

Chuzame! chuzame -

 

Unha homenaxe ben merecida debémoslle a Xosé da Casquilla, quen nos anos 90 publicou dous libros de memorias sobre Guillade e as súas figuras máis ilustres durante o século XX. Na nosa man temos dous volumes, o primeiro tiulado Memorial de Guillade (1922-1992), e o segundo Memorias e ricordos de Guillade, ampliada ata o ano 1996.


No primeiro volume recóllense historias como:
A chegada da luz eléctrica, alá polo ano 1925,
Os primeiros taxis e autocares en Guillade,
A construción da primeira estrada que pasou por Guillade,
Semblanzas de personaxes: O touciñeiro, O malagueno, o señor abade, o Camilo do monte, o Maestro da Presa, o Capitán, o Arrasta, e outros máis.
A construción do cemiterio de Guillade,
Orixe das primeiras procesións das pascuíñas e da festa das angustias.
Casas con historia en Guillade,
Orixes do baile de Guillade,
Orixe da traída de augas,
Historia da igrexa e a capela de San Gregorio,
O baile do serán na Forxa da Ferreira... e algunhas cousas máis.

No segundo volume amplía esta información e engade algunha nova, tal como:

Persoeiros coma Adolfo da Sorreira, Darío do Mellado, Manuel da Renga, Eleonora de Marcos, Inocencio do Fadista, Guillerme do Vinagre, José do Lampanas... e tamén algunha xente de Uma, coma Manuel Outerelo Costa, o Galán, o Rexón, o Cabaleiro e Don Manuel da Canle.

Chuzame! chuzame -


Non podía faltar nesta sección unha referencia a unha figura relevante do século XIII, e que ven puido ser desta parroquia, aínda que ese dato está sen confirmar.

Poñamos como exemplo unha das cantigas de amigo de Xoán García de Guillade :

Morr’o meu amigo d’amor
e eu non vo-lh’o creo ben,
e el mi diz logo por en
ca verra morrer u eu for;
e a mi praz de coraçon
por veer se morre, ou non.

Enviou-m’el assi dizer :
ten el por mesura de mi
que o leixe morrer aquí
e o veja, quando morrer;
e a mi praz de coraçon
por veer se morre, ou non.

Mais nunca ja crea molher
que por ela morren assi
(ca nunca eu ess’ e tal vi)
e el moira, se lhe prouguer;
e a mi praz de coraçon
por veer se morre, ou non.

Xoán García de Guillade, é natural talvez de Guillade (na bisbarra da Cañiza e Ponteareas, onde hai dúas localidades nomeadas Guillade). Trobador galego do século XIII, foi cabaleiro da pequena nobreza. Andou moitos anos por terras de Portugal. Tomou parte na cruzada que en 1248 ordenou San Lois de Francia. Deixou unha abondosa obra: dezaseis cantigas de amor, vinte e unha de amigo e quince de escarnio e maldicir.

Esta é unha cantiga de amigo, e podemos afirmalo xa que presenta os trazos habituais desta modalidade medieval: presenza ó principio da palabra amigo, voz feminina e tema amoroso, como é, neste caso, o sufrimento amoroso dunha muller que dubida do amor do seu "amigo". O trobador emprega unha voz lírica feminina nunha estrutura métrica octosílaba de arte menor, con rima macho e presenza de recursos habituais da época medieval, como o refrán: "e a mi praz de coraçon por veer se morre, ou non". ¿A presenza do "amigo" será suficiente para despexar as dúbidas da namorada?

Este resumo está elaborado por Miguel Barreras Calvo (1º BAC) no blog axouxereblog

Chuzame! chuzame -

Queremos facer un especial recordatorio desta entrañable figura literaria da nosa aldea, Francisco Candeira, de Pazos. Nacido en 1961 en Lisboa, criouse entre Guillade e Lisboa, cidade na que cursou os seus estudos ata o bacharelato. Logo, en Madrid obtivo a licenciatura de Filoloxía Clásica na Universidade Complutense. A súa obra literaria ten preto de dúas ducias de volumes, de poesía, narrativa e ensaio, na sua maior parte inéditos.

Obras publicadas:

1. Na forxa do soño, Pontevedra, 1995.

2. Fronteira sen tempo, Lisboa, Marzo de 1999.

3. Adaíl de gracias e obscuridades, Lisboa, 2000.

 


4. A vertixe da chama, Lisboa, 2001.

5. Os cumes de ninguén, Lisboa, 2002


Obra inédita:

Poesía:

. Corza nova de lúa núa . A estrañeza e o viño . Versos en manobras . Sonetos da rosa mística

Narrativa:

. Vida e Eternidade . Discurso en honor de Gumersindo Barbeitos

Ensaio:

. Lenzo de nostalxias . Pareceres do real e da arte . Semblanzas de paisanos lisboetas

Chuzame! chuzame -

D. José María Giráldez Montero "O ARRASTA’. O primeiro en ter unha cámara fotográfica en Guillade, resultou ser un gran afeccionado que, contando con laboratorio propio, adicouse a fotografiar as xentes e costumes de Guillade ao longo de moitos anos.

Naceu en Guillade en 1890. De novo emigrou a Portugal, onde traballou nunha industria da rama do carbón. Coa súa pequena fortuna, voltou á Guillade, onde demostrou ser un singular entusiasta en diferentes facetas culturais. Afeccionado á música, pertenceu á agrupación “Música do Rapa”, fundada en Guillade, e onde tocaba a frauta. Ao redor de 1954 abre ó público o "Salon-Cine Guillade" onde se proxectaban películas e se facían “bailes”, o que lle dá moita vida á nosa aldea.

A el debe tamén Guillade as árbores que prantou na “Cruz do Valado”, no torreiro da festa, Reimonde... De notoria intelixencia e memoria, achegou ás novas xeracións interesante información oral sobre as nosas tradicións. Morreu en Guillade o 22 de Xuño de 1968, ós 78 anos.

Chuzame! chuzame -