Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

Enrique Vidal Rubianes era natal da parroquia de Vilacoba, pertencente ó municipio de Salvaterra de Miño. Naceu no ano 1912 e morreu no 1981, con 69 anos de idade. Fillo de carpinteiro seguiu o oficio de seu pai, e foi moi recoñecido e respectado en Guillade e nas parroquias veciñas. Coñeceu a Rosa Seoane David, que nacera en Guillade no ano 1913, na casa dos Quintos, en Mourigade, e faleceu no ano 2000, ós 87 anos de idade. Rosa foi unha muller moi sociable e faladora, moi querida na parroquia.

Rosa era a maior de 7 irmáns (Saladina, Hermindo, Otilia, José, Manolo) e Delmiro). Seus pais foron Regina e Darío do Mellado. De Darío, tamén coñecido como Darío dos Quintos, sabemos que nacera no barrio do Casal, en Uma, e que estivo emigrado en Lisboa, traballando na hostalería. Xa pouco antes da guerra civil do 36 pasou a rexentar a Casa Medal, (despois Bazar Romero) unha casa de comidas en Ponteareas. Miña avoa contaba que no tempo da guerra axudou a esconderse a algunhas persoas que eran perseguidas. No libro Memorias e ricordos de Guillade, de Xosé da Casquilla, tamén di que Darío era un home moi servicial e que prestaba unha gran atención ás carrexonas, que comían alí os xerelos que mercaban na praza, e logo Darío só lles cobraba o pan e o viño.

Seguindo con Rosa, sabemos que de nena, e como era habitual naquel tempo, súa nai obrigábaa a traballar e a cuidar dos seus irmáns e non a deixaba ir á escola, contrariando así o desexo do seu pai. Este estaba emigrado en Portugal e mandáballes cartos para vivir. Dese xeito, só asistiu á escola durante uns dous anos e en períodos concretos, cando seu pai viña de vacacións e a mandaba. Aprendeu a ler e a escribir e segundo ela os mestres considerábana intelixente. A ela gustáballe ir á escola e chegou algunha vez a escapar pola ventá da súa casa para poder ir.

Logo que se coñeceron, Rosa quedou embarazada, e coincidiu co momento en que deu comezo a Guerra Civil española de 1936, co cal Enrique viuse obrigado a incorporarse ó bando franquista. Por esta razón casaron polo rexistro civil e postergaron para o fin da guerra a ceremonia católica. Durante a guerra Enrique foi ferido nun ombro e dende ese momento incorporouse como camilleiro, recollendo ós feridos nos frentes.

Ó acabar a guerra, mercaron un pardiñeiro –unha casa xa vella- no eido do Ledo, e pasaron a vivir alí. Viñeron entón uns anos difíciles, onde había pouco para comer e non se gañaba nada. Viñeron tamén os fillos, o primeiro Francisco, que xa nacera no 1936. Logo viu unha muller que falecería ó cabo dun ano, o mesmo día que nacía un segundo fillo, Manuel. Logo aínda tería outro fillo máis pero que morrería tamén de alí a dous anos. Por último nacería José María.

Como as demais mulleres da aldea, Rosa traballaba sen descanso de veiga en veiga, dende o saír do sol ata despois da súa posta. Naquel tempo as veigas cedíallas algún veciño, ó que tiña que darlle unha parte da colleita. O seu modo de vida xirou arredor do traballo na terra, co cultivo do millo, as patacas e a horta.

Esa economía complementábase co cuidado dalgúns animais: cando puideron tiñan dúas vacas na casa para o leite, o traballo e sacar algúns cartos coas crías. Máis adiante foron quedando cunha vaca soa, ata os anos noventa, en que foron desaparecendo as vacas das economías domésticas. Xunto coas vacas sempre se criaron na casa un ou dous porcos, unha ou dúas ducias de galiñas, coellos, etc.

Contaba Rosa que ó principio eles eran os máis pobres do lugar, que non tiñan ningunha terra propia, e que logo pouco a pouco foron comprando algunhas terras. A primeira foi a “Porta da corte”, que dedicaron ó cultivo da viña; logo virían outras: “A barronca”… Unha boa leira era “O outeiro”, que foi un regalo que a madriña lle fixo a ela antes de morrer. Sobre o ano 1975 aínda compraron dúas veigas que lles supuxeran un grande gasto. Era a forma tradicional de investir os cartos.

Xa polo ano 1960 constrúen unha nova casa, a actual casa do Ledo, en Mourigade, ó lado da primeira, que a partir de entón pasará a chamarse “casa vella”. Alá polo ano 1962 naceu o seu primeiro neto, Xosé Manuel, fillo de Francisco e Clemencia, e cuidaron del coma dun fillo máis, dende o seu primeiro ano de vida, xa que os pais do neno tiveran que emigrar a Barcelona. E agora, aquel neto ofrécelles esta pequena homenaxe, a modo de recordatorio para toda a eternidade.

Pódense ver o resto das fotos aquí

One Response

Esta historia es muy bonita pero hay un error tu abuela Rosa eran 7 hermanos y no 6 como lo habeis puesto. Falta mi padre se llamaba Delmiro Seoane David hijo de Regina y Dario