Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

.

"Dunha lectura entreliñas do Catastro pódese entrever as miserias e humillacións ás que estaban sometidas as xentes da nosa aldea, que como ás do resto do País, sufrían unha serie de impostos e cargas abusivas e inxustas a pagar ó Señorío, Igrexa e Rei, sen que deles recibiran ningún servizo ou axuda. Un ano de mala colleita non significaba unha diminución dos mesmos, e pola contra traía fame, miseria e enfermidade a persoas, que como se pode comprobar observando os apelidos da Táboa 2 (paxinas 40, 41 e 42), son os nosos devanceiros. Mais a pesares de tódalas dificultades foron quen de traballar a Terra, conservar a nosa Lingua e transmitir a nosa Cultura; a eles vai adicado este pequeno traballo, esquecelos e as circunstancias que lles obrigaron a vivir sería a mais infame das covardías, a renuncia a entender o presente, e o abandono da loita por un futuro mellor".

Co anterior paŕagrafo conclúe o excelente traballo do noso amigo Xosé Manuel David, coñecido pola xente de Guillade como Nelos. Grazas a el dispomos dunha fonte extraordinaria de información para coñecer máis de cerca aspectos relevantes da historia recente de Guillade, de como vivía a súa xente hai apenas 250 anos, que non son máis que unhas poucas xeracións. Podemos atopar aquí nomes e apelidos moi presentes no momento actual, que pertencían a persoas que loitaron pola súa supervivencia e que fixeron posible a nosa.

Publicamos deste xeito a tradución e unha detallada análise do libro "Respuestas Generales", un dos cinco libros que compoñen os documentos do Catastro que o Marqués de Ensenada, a mediados do século XVIII (sobre 1750), mandou elaborar para cada entidade local de poboación. Este libro recollía as respostas ao Interrogatorio, que era unha relación de 40 preguntas sobre os bens e rendas da poboación. Os restantes libros que formaban o Catastro eran: Libro del Vecindario, Real de Legos, Real de Eclesiásticos e Libro de Estados.

A Freguesía de Guillade No Catastro Do Marques de Ensenada

Tamén o podedes ver directamente na páxina de Scribd

Co nome de Catastro de Ensenada coñécese o rexistro xeral dos bens e rendas de todos os súbditos da Coroa de Castela (do que quedaban excluídos Aragón, Valencia, Navarra e Euskadi) posto en marcha polo Real Decreto de 10 de Outubro de 1749 e cuxo título completo é: Averiguación para la Real Única Contribución de la Corona de Castilla. Constitúe a máis antiga e exhaustiva enquisa dispoñible sobre os pobos da Coroa de Castela, elaborouse a mediados do século XVIII, entre 1750 e 1754.

As razóns polas que se manda facer este inmenso traballo no reinado de Fernando VI de Borbón son, por unha banda, a desesperada situación económica herdada da casa reinante anterior, é dicir, dos Austrias; e por outra, a inxente cantidade de impostos, cargas e tributos que os habitantes da Coroa Castelán tiñan que satisfacer a señores, condes, eclesiásticos, etc., e dos que nada chegaba ás arcas da Facenda Real. Para endereitar tal situación ou, o que é o mesmo, para establecer un único imposto real, a chamada Única Contribución a cada habitante segundo o que tivera, cumpría facer un inventario de rendas e propiedades en todo o territorio.

Podémolo ver tamén en Google Docs (só para invitados)

Ou podémolo descargar en Box.net

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Deixa unha resposta