Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…
Romaría á Franqueira
Setembro 17th, 2011 by Xose in Costumes e tradicións locais

 

Se hai algún lugar do noso entorno cheo de atractivo  etnográfico –alén de relixioso-, é o santuario da Franqueira. Estes días acolle unhas das principais romarías ou peregrinacións, iniciadas na primeira semana de setembro e co día 18 do mesmo mes como “prato forte”; despois haberá que agardar ata finais da primaveira á celebración das “Pascuillas”.

Non debe ser casualidade que estas peregrinacións coincidan cos albores do inicio do verán –na época dos maios-e rematen precisamente un pouco antes da chegada do outono; a isto debemos unir outros elementos asociados á lenda da súa aparición ou descubrimento, caracterizada por un resplandor na escuridade das noites, que atraía a atención dos habitantes desa zona (unha lenda moi semellante por outra parte, á que acompaña o descubrimento da tumba do Apostolo en Compostela).

Así pois, aparte destes aspectos xa sinalados, como: os solsticios ou cambios de estación, as misteriosas sinais e destellos que chamaban a atención dos lugareños, hai que unir outros elementos próximos ao animismo e panteísmo: como que o lugar de celebración e reunión sexa nun cumio dos máis elevados da contorna (a case 1.000m de altitude), ou o papel que xogan na historia desta romería, actores profundamente simbólicos como os de aqueles bois que foron xunguidos e soltados para que determinasen en que lugar edificar o templo onde se adoraría á Virxe.

Todo ísto configura unha fecunda e interesante tradición que aínda que tan só sexa por aquel estímulo que leva a dúceas de persoas de diferentes parroquias a converxer nun mesmo punto –para rematar tamén iso sí devorando suxerentes comidas e bebidas-, despois de horas e horas de andaina, cargando orgullosos con aqueles elementos identitarios de cada unha delas (as imaxes das súas respectivas santas neste caso), que simbolizan protección -e por que non tamén diferenciación-, frente outras parroquias e iconografías, merece ser estudada con máis calma e detalle.

 

Lástima, que hoxe en día, a abundancia de coches e a actitude coa que moitas persoas alí acuden: básicamente como fenómeno de masas, obviando o significado ou respecto tanto polo que supostamente simboliza o evento como polo lugar (a natureza), o pequeno enclave da Franqueira acaba ocupado, arrasado e devastado polo lixo e o incivismo… E logo falan do botellón…

 

One Response

Vaia atletas de categoría!