Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

Cando se celebraba?

O Serán era unha festa que se celebraba tradicionalmente na época do inverno nas diferentes parroquias da comarca (e en máis zonas de Galiza). Temos constancia de que tiveron o seu momento de gloria no tempo dos nosos avós e bisavós, e que comezaron a extinguirse polos anos 60 do século pasado. Acostumaba celebrarse varios días pola semana, na nosa zona soían ser os martes, xoves, sábados e domingos. Os martes e xoves podían rematar a medianoite, e os sábados e domingos prolongábase máis alá das dúas da mañá.

O lugar

O acontecemento celebrábase nun espazo pechado e a recaudo da chuvia, xeralmente nunha corte ou coberto. Nel xuntábanse os mozos e mozas dun lugar (e tamén outros que viñan de parroquias veciñas) e algunhas mulleres adultas e vellas, que ían fiar ao tempo que “vixiaban” as súas fillas. Unha moza era a encargada de traer o candil que iluminaba o lugar (aínda non existía luz eléctrica naquel entón) e que funcionaba con gas e daba unha luz moi morteciña, e máis adiante utilizouse carburo, moito máis luminoso.

A estrutura do baile do Serán

As mulleres máis vellas sentábanse arredor do espazo central, que deixaban baleiro para o baile. Mentres duraba o serán, sucedíanse unhas rondas de baile, onde cada mozo/a bailaba coa súa parella. Estes bailes tiñan unha estrutura moi organizada, pois estaban constituídos por 5 tempos que se sucedían durante os 15 ou 20 minutos que duraba cada ronda. Este momentos ou tempos eran, por orde de execución, a jota, a rebeirana (muiñeira), o salteado, o pasodobre e o vals. Os dous primeiros bailábanse soltos e os restantes agarrados. Mentres bailaban, había un coro que botaba as cantigas acompañadas polas pandeiretas, e ocasionalmente por algún gaiteiro.

Os contidos das cantigas

Estas cantigas, que daban a alma ao serán, trataban principalmente de temas de amor: namoramentos, desexos, celos, desenganos… e tanto llas botaban os mozos ás mozas como ao revés, nunha especie de xogo de diálogo público onde cada sexo resaltaba as súas cualidades boas e trataba de desmerecer ao contrario. Pero tamén tiñan cabida outro tipo de cantigas, dependendo dos momentos, entre elas as de tipo satírico que tiñan aos curas, e as súas supostas aventuras sexuais, como protagonistas.

Ver aquí unha mostra das cantigas

Algunha que outra vez sucedía que os seráns remataban a golpes, consecuencia da rivalidade entre os mozos de lugares distintos.


A función social dos Seráns

Poderiamos dicir que os Seráns foron os predecesores do que hoxe son os bailes nas discos das vilas, evidentemente adaptados ao tempo e os costumes sociais da época na que existiron, que lles daban todo o seu sentido. Nos seráns iniciáronse e cristalizaron moitas relacións de parella coa aprobación do entorno social (representado na figura das nais ou avoas que fiaban).

Estas festas constituían un elemento básico de integración e cohesión social, de consolidación de relacións de parella, ao tempo que de vía de escape e liberación das duras condicións existenciais do momento. Era unha forma aceptada socialmente na que a xente moza relacionábase e coñecía aos seus semellantes do contorno próximo, prolongando as festas consagradas do verán.

Nunha sociedade moi pechada sobre si mesma, a Galiza rural da primeira metade do século XX, cabe admirar as normas e protocolos que regulaban as relacións sociais entre a xuventude e que tiñan por obxecto reproducir o modo de vida existente, cos costumes e tradicións acumulados durante moitas xeracións. Eran tempos nos que existía unha moi forte cohesión social e onde non estaba permitida a disidencia dentro dun grupo. O mellor xeito de consolidar o grupo era impoñéndolle unha serie de ritos, entre os que o Serán xogaba un papel moi ilustrativo.

Tamén resulta cando menos curioso observar como se foi desprazando o sentido destas festas desde o baile e a relación social (a música constituía o pretexto arredor do que tiña lugar a festa) ata á adoración ao mero espectáculo que acontece nas festas actuais das parroquias, e onde se invisten enormes sumas de diñeiro para que unha marea humana contemple pasivamente a actuación do grupo contratado. Por algún motivo hoxe en día xa non é necesario bailar e divertirse cos semellantes para conseguir unha relación de parella validada socialmente. As festas actuais de aldea deben cumprir outra función. A vella parece que quedou relegada ás discotecas.

A sociedade de hoxe en día mudou moi considerablemente, e pode considerarse unha sociedade moi aberta, onde o valor dos individuos prevalece sobre o do grupo de pertenza. Bailes como o Serán deixaron de ter o seu sentido, pero son un obxecto de estudo valioso para un sociólogo. De igual xeito que o son os bailes nas discos actuais. Agora xa non hai nais nin avoas “vixiando” as súas fillas, cal é a causa? Os bailes perderon a estrutura creada pola cultura do ámbito local e os novos referentes son os bailes “de moda” que os medios de comunicación social difunden. Aos que nos tocou vivir entre o fin do mundo dos Seráns e o principio do mundo das novas discotecas, en certo sentido quedamos abandonados entre dous mundos, sen saber bailar, porque xa non nos deu tempo a aprender o vello baile e sentiamos o ridículo de bailar algo novo e que nunca nos pertenecera. E tivemos que enfrontarnos ao dilema de establecer unha relación de parella conforme á tradición, baixo a mirada e aprobación do entorno familiar (e acatando tamén as súas normas), ou buscala conforme ao novo modelo social que se estaba impoñendo, moito máis permisivo e “libertario”, pero tamén sometido ao permanente cuestionamento por parte do grupo. Ese debate aínda permanece hoxe en día, pero o seu destino xa está escrito.

Enlaces:

As pandereiteiras de Toutón e o Serán dos Namorados, que se celebra anualmente e vai na súa XV edición, nun exemplo de recuperación desta festa tradicional.

Respectemos o Serán, carta de Carmen Álvarez Domínguez, no xoral Faro de Vigo.

Jota e Ribeirana, interpretada por Tear de Llerena.

Seráns, Foliadas e festas breves… ten un artigo que explica como era o Serán.

Fontes de información:

Agradecemos moi especialmente a María Francisca Bouzó Barbeito, veciña de Uma, a súa disposición para recuperar da súa memoria os seus recordos do Serán.

Os comentarios están pechados.