Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

Hoxe fixemos pan de millo no forno de leña. O día antes de facer o pan tivemos que arranxar o forno, e botarlle unha man de barro por fóra, pois xa levaba tempo parado e caíralle algún. Así que fomos ao monte, collemos un caldeiro de barro branco, que pega mellor, e despois de amasalo con auga botámosllo onde faltaba.
O día que fixemos o pan, o primeiro foi acender o forno, metémoslle dentro unhas piñas e uns pauciños e prendémoslle lume. Ao cabo dun pouco enchémolo cunhas boas achas de madeira vella e deixámolo arder algo máis de dúas horas, mentres se facía o braseiro. Pouco antes de meter o pan dentro limpámolo cunha vasoira de xesta, o varredoiro, para non deixar brasas.

Despois de acender o forno comezamos a elaborar o pan. Collemos un cunco (emprégase unha artesa de madeira para facer este traballo) e botamos dentro del a fariña, tres partes de millo, unha de trigo e outra de centeo, pero a composición admite moitas variacións. O trigo axuda a esponxar e a ligar.

Despois púxemonos man á masa e o primeiro foi botar a fariña de millo no cunco, botarlle auga quente, case a ferver, e un pouco de sal e removela coa pá para que ligase.

Deixámola repousar uns cinco minutos antes de botarlle unha cunca do fermento que tiñamos preparado uns tres dias antes con fariña de millo e algo de levadura. Deseguido ímoslle botando as outras fariñas ao gusto, e imos amasando coas mans uns cantos minutos ata que acade unha textura axeitada, ata que a masa “ande”.

Despois déixase repousar no mesmo cunco sobre unha hora ou algo máis dependendo da cantidade de masa que sexa, ben abrigada cuns trapos e cerca do forno para que lle chegue algo de quentura e lle axude a fermentar.

Despois de crecer a masa e co forno ao punto chega a hora de facer os petelos ou broas e metelas dentro do forno. Imos collendo coas mans a cantidade de masa que queiramos e dámoslle forma baténdoa nun cunco pequeno ata ter listo o petelo e pousámolo na pá do forno, da que nos axudamos para meter o pan dentro del. Poñemos dentro os petelos que collan (tres ou catro no noso forno) e ao fin pechamos a porta, feita con madeira e que previamente estivo en auga para que non se queime moito. Despois de colocar a porta axustámola tapando con barro as fendas por onde pode perder calor. Agora toca esperar, sobre hora e media ou dúas horas dependendo do calor que teña o forno, da cantidade de petelos ou broas e do seu grosor, pois ao ser máis grosas necesitarán máis tempo de cocción.
Por fin toca abrir a porta e retirar os petelos coa axuda da pá. Ummmmmmm… neste momento o pan ten un recendo que namora. E tamén hai que probalo, pois é quente cando máis sabe.

Ver todas as fotos neste enlace.

Os comentarios están pechados.