Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

.

Foi unha pequena coincidencia. Fai aproximadamente un mes, na mesma semana en que outro veciño do noso concello, acadaba os 107 anos de idade convertíndose no home máis vello de Galicia, na capital de Portugal finaba o noso guilladense máis lonxevo, do que se teña constancia: D. Manuel Carrera Martínez, fillo de Aquilina Martinez Iglesias e Benito Carrera David, naturais do barrio da Rañó.

101 anos de idade son moitos anos… e permiten ter sido testemuña das dúas Grandes Guerras, da carreira espacial entre os EEUU e a antiga URSS, a caída do muro de Berlín, o nacemento de internet, dúceas de revolucións de todo tipo, e do descubrimento de avances científicos en diferentes campos: medicina, electrónica, química… que fixeron avanzar e mellorar o mundo.

101 anos de idade permitiron conformar unha ampla familia, xunto a súa muller, María Emilia Rosa Carbó (natural do Alentejo, pero con raíces catalás) con quen casou a principios da década dos anos 40, e tivo 3 fillos e 7 netos. Un grupo familiar que sempre recoñeceu os sacrificios do seu pai e avó por mellorar e prosperar, nun contexto histórico marcado por épocas de menor e maior dificultades económicas e sociais.

O periplo vital e laboral de Manuel Carrera, comeza a forxarse en Setúbal, onde chegou con menos de 10 anos para xa ter que axudar no negocio familiar (un restaurante e unha pensión rexentada polo seu pai e tío) xunto ao seu irmán Francisco, que falecería en 1931. Unha traxedia familiar que fixo que abandonasen Setúbal para o seu pai retornar a Guillade, e el ir buscar sorte a Estoril, pasando a traballar no <<Hotel París>> –que aínda existe- e posteriormente, durante un breve período de tempo a Inglaterra, traballando noutro Hotel durante uns meses en Southampton, unha breve estancia que para poder prolongarse implicaba ter que voltar a Portugal, para poder arranxar correctamente os correspondentes permisos e papeis de residencia e traballo.

Porén, nese período ten inicio a Guerra Civil, o que alterou imprevisiblemente os seus plans, impedindo proceder a tramitar a documentación que precisaba para tentar pasar o máis desapercibido posible e non ser expulso ou enviado á fronteira española para ser recrutado… Foron anos de “alegalidade” e incerteza, sen poder arranxar e tramitar ningún tipo de documento nin poder saír de Portugal, nin tan pouco poder consolidar ou darlle continuidade a ningún negocio concreto, o que non impediu que nese tempo fora socio de varios restaurantes e pensións na Baixa de Lisboa, como o restaurante <<París, fundado por el, e que durante máis de 50 anos foi un local senlleiro da Baixa.

Foi xa en 1942, en plena II Guerra Mundial, nunha época na que Portugal, pese a ser un país neutral, tamén sufriu as consecuencias do desabastecemento enerxético e de materias primas, ao mesmo tempo que pola súa situación estratéxica era lugar de operacións de centos de espías e axentes aliados e alemáns, cando fundou o restaurante <<Regional>>, que pertenceu a familia Carrera durante 6 décadas, a base de traballo duro e sacrificio… Houbo que esperar ao 25 de abril para comezar a pechar e descansar os domingos, ata esa data, abrir ás 7h da mañá e pechar ás 11h era a norma… e así ata os 79 anos de idade, que foi cando se “reformou”.

Todos eses anos rexentando un negocio dese tipo, fixo que Manuel fora recoñecido polos seus compañeiros de traballo e antigos empregados como bo xefe no profesional, e xeneroso e humano no persoal. O que fixo que no “Mercado da Ribeira” (onde se facían as compras para o restaurante) fora sempre unha persoa respectada e apreciada, por ter axudado economicamente a moitas persoas en momentos complicados das súas vidas, de xeito desinteresado sen reclamar xuros ou favores.

Manuel sobrepasou os 90 anos estoicamente, e sen grandes problemas de saúde, ata que un glaucoma fixo que perdera a visión, o que tampouco lle impediu levar unha vida plena e activa dentro das limitacións obvias dunha persoa invidente, pero marcada pola súa axilidade mental; especialmente para facer cálculos mentais rápidos e acertados (para el o cambio de moeda de escudos a pesetas, e de ambas a euros non supuxo ningún handycap, e era o primeiro da casa en averiguar o troco e importe exacto), así como a súa prodixiosa memoria, foron dúas facultades que conservou ata o final. Ao igual que a súa capacidade para facerse a barba así mesmo –xa invidente- e a súa destreza para desprazarse e gobernarse de xeito autónomo na súa vivenda.

A lonxevidade do ser humano, e o incremento da esperanza de vida, son constante obxecto de estudo e atención tanto por parte da opinión pública como de científicos e profesionais de diferentes áreas, como a da Saúde, un campo onde destacan un dos seus fillos e un dos seus netos (nefrólogo e investigador no campo da nutrición, respectivamente), Pedro, quen achaca o segredo da lonxevidade de Manuel, a uns magníficos xenes –os seus pais e irmáns, agás o falecido por unha doenza a temperá idade, superaron os 90 anos-, e a unha vida austera en canto a “vicios”: non comía en exceso, e o alcohol ficaba reservado para os días festivos.

No funeral de Manuel, o seu fillo Fernando fixo un retrato cheo de agarimo e recoñecemento do seu pai, describíndoo como un home bo, xeneroso e humilde, que deixou unha lección para todos: practicar sempre o ben, de forma humilde sen agardar recoñecementos.

Posiblemente, todos os galegos e portugueses, teñamos algo de “Ulises” no noso interior… somos tamén emigrantes, navegantes e viaxeiros, e ao igual que el andamos e andivemos sempre na procura de retornar á nosa “Ítaca” particular… a Terra, Aldea ou Vila de cada un de nós… e como dicía aquel poema de Kavafis:

Se partires um dia rumo a Ítaca,
faz votos de que o caminho seja longo,
repleto de aventuras, repleto de saber (…)

Tem todo o tempo Ítaca na mente.
Estás predestinado a ali chegar.
Mas não apresses a viagem nunca.
Melhor muitos anos levares de jornada
e fundeares na ilha velho enfim,
rico de quanto ganhaste no caminho,
sem esperar riquezas que Ítaca te desse.
Uma bela viagem deu-te Ítaca (…)

 

Naceu na Rañó o 4 de agosto de 1912, visitando por última vez a súa “Ítaca”, na Rañó, en agosto do 2006. Faleceu en Lisboa o 19 de novembro do 2013 mentres durmía. 101 anos… Si: foi un camiño longo e repleto de saber.

Os comentarios están pechados.