Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

carriplainas-blogue1

Facía moito tempo que polas costas e baixadas de Guillade non mirabamos uns “bólidos caseiros”, como os impresionantes prototipos que aquí aparecen; unhas sofisticadas máquinas, que son resultado da imaxinación e habilidades de rapaces amantes da velocidade e das emocións fortes. Persoalmente aínda lembro aquelas pancadas e rabuñazos en mans, brazos e pernas que pese a todo tipo de proteccións, tamén caseiras, apañábamos -sen importarnos demasiado- cando nos tirábamos pola costa que hai entre Viñó e o muíño do Roupeiro cos nosos carros de bolas, feitos cunhas cantas táboas, uns poucos ferros, uns rodamentos, e moita ilusión e orgullo. Un orgullo do “feito por un mesmo”, coas propias mans e enxeño, igual que estou seguro que tamén experimentan os amigos inventores da foto.

carro bolas

Poucas cousas hai tan satisfactorias e agradables como poder gozar e sacarlle todo o partido posible ao que un (ou unha) fai coas súas propias mans: xa sexa saborear un bo plato de comida preparado por un mesmo e elaborado con ingredientes cultivados por ti mesmo, rehabilitar ou arranxar algún moble ou chocallo vello que ande pola casa, ou facer os teus propios xoguetes…

carro bolas II

Nunha época, como a de hoxe en día, onde moitas cousas xa “veñen feitas”, montadas ou pre-cociñadas, e nun mundo onde moitos nenos e rapaces pasan máis horas xogando eles sós coas súas videoconsolas, playstations, etc, en vez de estar compartindo o seu tempo e gozando uns con outros, dar cun grupo de mozos que coas súas propias mans, imaxinación e habilidade son capaces de construír unhas “bici-carrilanas” como as das fotos, son merecedores dos mellores recoñecementos e gabanzas.

Os comentarios están pechados.