Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

Se de algo teñen fama as mulleres galegas, é de loitadoras e traballadoras, unhas características que podían ser extrapolables a todas as mulleres do mundo, pero que no noso caso, exemplifícase especialmente ben nas nosas mulleres do rural.

Pois ben, a finais do recén rematado 2014, Guillade perdeu unha desas mulleres impresionantes; tanto pola súa excepcional biografía, como pola súa idade: 100 anos, todo un século! Ao igual que aconteceu no anterior caso co que abriamos este apartado de “centenarios de Guillade”, adicado a Manuel Carrera (cando na prensa escrita fíxose eco do 107 aniversario doutro veciño de Ponteareas), na mesma semana na que a nosa protagonista finou, aparecía tamén no Faro de Vigo, unha nova que facía referencia ao caso de tres mulleres do noso concello que no seu conxunto superaban os 306 anos!!

Dorinda Iglesias Rguez

Dorinda Iglesias Rodríguez naceu no lugar de As Carballas en Guillade de Arriba en 1914,  sendo a máis vella de 8 irmáns (4 homes e 4 mulleres), aos que xa de noviña tivo que axudar a criar. Sendo moza marchou a Lisboa, onde tras conseguir aloxamento comezou a traballar pola súa conta lavando roupa ao mesmo tempo que traballaba como cociñeira… Hoxe en día chamaríanlle “emprendedora”…

Posteriormente, xa asentada na cidade e despois de casar con Francisco Sebastián Candeira, rexentou unha pensión na Rúa da Fé nº 8, chamada <<Puenteareas>> que aínda permanece aberta e co mesmo nome!!

R) DA FE

A mediados da década dos 80, volveu a Guillade unha vez xubilada para gozar dunha merecida e ben gañada xubilación; faleceu o 15 de novembro aos 100 anos deixando unha filla e dous netos.

Os comentarios están pechados.