Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…
Na procura do petróglifo perdido
Outubro 4th, 2016 by montesdeguillade in Sen categorizar

Foi unha calorosa tarde de finais de agosto, muito máis abafante do que cabía esperar, xa que non era un día especialmente claro ou soleado, pero a humidade do ambiente e a selva de toxos, silvas e xestas, “fixéronnos suar a mares”.

Dende logo o peor foi a bofa e a impotencia de mirar que aparte de que a titánica tarefa de desbroce non tiña fin, (ata que nos puxemos man á obra “o choio non parecía tanto”), o petróglifo que debíamos localizar e identificar, coñecido como o “petróglifo do cabalo”, non daba aparecido… E foi así como tras case dúas horas de batalla sobre o terreo e cando estabamos a piques de marchar a tomar unha boa ducha, Samuel atopou o que foramos buscar.

pedracabalo11

A “teoría” e os informes arqueolóxicos, indicaban que “o obxectivo” andaba por alí (unha laxe redondeada, cun circulo case perfecto ben delimitado, e unha figura -menos definida- posiblemente ecuestre, ou semellante a un cervo ou animal semellante…), pero a realidade e que non daba aparecido; e cando moitos dubidábamos sobre a verosimilitude da posible ubicación ou localización exacta, ou sobre un posible erro do estudo arqueolóxico, un dos petróglifos máis curiosos de Guillade apareceu debaixo dunha boa manta de musgo.

pedracabalo2

Que ridículo teríamos feito os adultos ante os nenos que nos acompañaron e colaboraron no desbroce daquel anaco do monte comunal na procura e recuperación do noso patrimonio histórico! Terían gañas de volver a acompañarnos outro día a facer algo parecido, se chegaran a ter que marchar para casa sen experimentar a “ilusión” de ter descuberto aquela especie de tesouro arqueolóxico?

pedracabalo3

Coa satisfacción do “deber cumprido”, e sentíndonos “exploradores por un día”, voltamos todos para casa cunha “fame neghra” e a tomar unha ducha que ben merecemos.

Os comentarios están pechados.