A natureza humana, a esencia humana... ou o sedimento humano? Esta metáfora xeolóxica alude ó proceso histórico de constitución do ser humano. Numerosas capas que se superpoñen, que se entrelazan, outras que se integran... A compoñente biolóxica pon a materia prima, pero as sucesivas transformacións culturais e sociais tallan, moldean ou esculpen en último termo as súas propiedades básicas. O ser humano constituíuse na relación cos seus semellantes. É un ser social. A dimensión biolóxica pasa a un segundo nivel.
Na evolución do ser humano podemos distinguir unhas correntes ou tendencias básicas, profundas, subxacentes, e que serían:
1.Unha compoñente emocional versus outra racional. A compoñente emocional domina nas sociedades primitivas e vai cedendo o seu espazo á compoñente racional nas sociedades avanzadas. Reflicte tamén a relación existente entre relixión e ciencia.
2.A evolución dende a sociedade ó individuo. Nas sociedades primitivas primaba o valor da cohesión social (o individuo podía ser sacrificado en ben da sociedade). As sociedades modernas destacan o valor do individuo ó que lle outorgan un conxunto de dereitos fundamentais (aínda que en situacións excepcionais tamén pode ser sacrificado no nome da sociedade).
As tendencias de fondo son como a corrente do río da humanidade. O río avanza polo terreo que definen as condicións de existencia, os accidentes xeográficos: alta montaña, rápidos encaixoados, amplios vales, chairas infindas. Na xuventude social (e tamén individual) domina en boa parte a emotividade humana, e consolídase a través dos mitos, dos ritos, dos costumes e as tradicións (maxia, relixión...). A madurez ten por sustento principal a racionalidade humana (ciencia, argumentación lóxica e empírica...).
A compoñente emocional vai perdendo peso dende unha perspectiva histórica. Pero segue viva, e aínda que se deixa adormecer baixo a tenue capa de polvo que vai pousando manseniñamente o silencioso reloxo do tempo, tamén é verdade que se sobresalta coma nun pesadelo cando sopra o frío vento das incertidumes, da ameaza á seguridade existencial, aínda que esta traia tras de si a hipotética promesa dunha mellora das condicións de vida.
A consolidación da racionalidade humana como un valor hexemónico non acontece ata a Idade Contemporánea. Os seus antecedentes atópanse nas primeiras civilizacións pero son os gregos os primeiros en definir ó home como un ser racional e en base a esa premisa deseñaron a forma política de goberno que denominaron democracia. Dende aquela ata hoxe esa forma de goberno foi abrindo e consolidando novos espazos.
O momento culminante a nivel simbólico que marca o paso dende o dominio da emotividade á emerxencia da razón acontece coa revolución francesa de 1789 (fins do século XVIII, hai apenas pouco máis de 200 anos, aínda que nos dous séculos precedentes foron necesarias multitude de transformacións, basicamente a nivel económico e social para que se concretase a revolución política). Dúas novas bandeiras ondean no espazo conquistado: a razón e o individuo. Xunto con elas van pervivir as vellas estruturas, representadas nos costumes e tradicións.
As sociedades actuais buscan a súa lexitimación nos fundamentos racionais. Xa Weber establecera que a razón fundamenta unha orde social denominada dereito. Os sistemas políticos aceptan esa orde baixo a forma de democracia. A democracia susténtase no principio da igualdade de dereitos dos cidadáns (individuos), e na súa capacidade para o diálogo, para resolver coa palabra e non coas armas as súas diferenzas. Nestas condicións emerxen novos valores: a democracia, a liberdade, a igualdade social, o pluralismo, o respecto ás diferenzas, etc.
Pero a batalla continúa.
Xose.
