Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…

.

.

O pasado día 8 de maio, nun acto celebrado no Museo de Pobo Galego coa participación de figuras senlleiras da cultura galega como Isaac Díaz Pardo, autoridades políticas, e representantes da Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar a inauguración da exposición: <<Historia dunha emigración difusa. 500 anos da emigración galega a Lisboa>>.

Dito traballo é o resultado da laboura de investigación realizada entre diferentes entidades públicas e privadas, investigadores (como o profesor de Hª Contemporánea da propia USC González Lopo) e Acuarela Producións, unha produtora que xa ten realizado varios documentais de carácter histórico sobre persoeiros ilustres como Alexandre Bóveda ou Castelao.

Este traballo acadará o seu clímax a finais deste ano 2008 no Centro Galego de Lisboa -co gallo do 100 aniversario da súa constitución-, coa estrea dun documental que recolle os testimonios de galegos e galegas que residiron, naceron ou que aínda viven en Lisboa.

De feito, durante o verán do 2007 tivemos a inmensa fortuna de que varios membros da equipa de Acuarela Producións, como: Sara, Xosé, Valentín... (que aparecen na foto, e a quen lles agradecemos o esforzo e ilusión depositados neste proxecto), estableceron contacto con varios veciños de Guillade que na medida das súas posibilidades axudaron no que poideron a dar forma a este traballo.

É así, que tanto nese documental, como nas fotografías e textos que dan forma a esta exposición itinerante (que tamén poderá verse en Ponteareas), aparecen varios dos nosos paisanos e paisanas que ou ben aínda residen na capital lusa ou que xa “cumpriron” coa tradición guilladense de botar uns anos naquelas Terras... Xunto a todos eles, aparecen tamén outros emigrantes galegos de As Neves, Covelo, Ourense... que tamén marcharon algún día buscar un futuro mellor alén o río Minho.

MUITO OBRIGADO A TOD@S POR FAZER POSSÍVEL ESTA HISTÓRIA

 

Chuzame! chuzame -
De Guillade a Lisboa
febreiro 12th, 2008 by guillade in Memoria histórica No Comments

Cales ou cantas son as casas de Guillade, nas que ningún dos seus membros emigrou nalgún momento da súa vida a Lisboa? Seguramente moi poucas, por non dicir case nengunha… De feito podemos incluso afirmar, que os múltiples lazos que nos unen coa capital portuguesa son un dos principais símbolos de identidade da nosa parroquia.

Resulta practicamente tan interesante como complexo pór unha data ao comezo deste intercambio cultural; e non falamos de “intercambio” por casualidade, xa que cando alguén emigra ou inmigra, o trasvase cultural é inevitabel: palabras que se adoptan como propias, costumes, receitas gastronómicas… por non falar das amizades e familias mixtas que acaban xurdindo…

Mais como íamos dicindo, non resulta doado esclarecer en que momento da Historia as vidas e camiños dos guilladenses escomezaron a virar alén Miño, ao igual que a de moitos outros paisanos de aldeas, parroquias e concellos veciños: Batalláns, Uma, Covelo, Pazos de Borbén, A Cañiza, etc.

Se ben parece que a mediados do século XIV, xa se teñen datos da existencia dalgunha pequena colonia galega residente de xeito estábel no Porto e Lisboa adicadas ao fornecemento e comercio de peixe salgado. Este tipo de relacións sociais e económicas en torno ao comercio marítimo, fóron afianzándose co tempo, pese aos abundantes atrancos atopados no camiño, como os enfrontamentos bélicos entre as coroas española e portuguesa. De feito, guerras como a de mediados do século XVII (Guerra da Restauración), incidíron notablemente tanto nas relacións como no número de galegos que traballaban ao longo da costa portuguesa.

Hai que agardar ao fin doutra guerra (a da Sucesión Española) nos albores do século XVIII, para que o fluxo migratorio dende o sur de Galiza principie a coller forma e pulo, trocando os destinos habituais naquel tempo da migración galega: Andalucía e Castilla -lembremos os versos de Rosalía: <<…castellanos de Castilla, tratáde ben aos galegos…>>- polo país veciño, se ben xa hai datos da presenza dos nosos paisanos na primeira metade do século XVII en Lisboa.

Coa chegada pois do século XVIII prodúcese un duplo fluxo migratorio: por unha parte nas rexións norteñas portuguesas do Miño e Tras-os-Montes, un importante continxente de man de obra masculina desprázase a Brasil co descubremento do ouro e diamantes nesta parte do Continente. Esta situación provoca que en ditas rexións se forme “un baleiro” de individuos en idade laboral que xunto ao importante proceso de transformación agraria levado a cabo nesas zonas nestes intres, caracterizado por un profundo cambio da orografía e a paisaxe.

É o tempo no que miles de hectáreas de terreos hermos ou adicados a diversos tipos de cultivo (centeo, millo...) pasan a adicarse ao cultivo de viño verde, polo que é preciso abundante man de obra que chega dende Galiza, especialmente de concellos como: A Cañiza, Melón ou Fornelos de Montes, pero xa non tan só para traballar no agro ou na viticultura, senon tamén como pedreiros ou simples criados.

De igual xeito, en paralelo a estes traballos e tarefas, o comercio de peixe levado a Portugal por galegos non deixa de medrar, especialmente o peixe curado ou salgado, destacando o seu volume de negocio e presenza nas vilas e cidades como Porto, Vila do Conde, Póvoa do Varzim...

Ímos chegando así a finais do século XVIII, un tempo no que o número de galegos residentes (permanentes e estacionais), sitúase por enriba dos 50.000, se ben é certo que esta cifra redúcese en torno aos 20.000 no inicio do século XIX por mor da chamada “Guerra das Laranxas”. Nembargantes, pese aos abundantes conflitos que asolaron a primeira metade dese século a un lado e a outro do Miño: Guerra contra os franceses, luitas entre liberais e realistas, etc... os fluxos migratorios ao “país veciño”, non tardan en recuperarse.

Neste tempo as tarefas ás que se adican os galegos comezan a diversificarse, pasando a adquirir relevancia os traballos levados a cabo nos entornos urbanos, en contraposición aos mencionados anteriormente vencellados co comercio de peixe, o agro ou a canteiría. É así como xurden ás figuras dos “augadores”, “carboeiros” ou os “moços de fretes”, traballos duros e pouco prestixiosos que víronse obrigados a realizar os nosos antergos en cidades como Porto e Lisboa primordialmente.

Pero pouco a pouco “o conto” empeza a cambiar, xa que co tempo aqueles homes e mulleres condeados a realizar os peores traballos, grazas a importantes sacrificios, e unha forte capacidade de aforro pasan a ser emprendedores destacados no sector servizos, mellorando deste xeito o seu estatus e consideración social. Así pois, a medida que moitas “carboerías” ían desaparecendo ao mesmo ritmo que o facían as vellas caldeiras de calefacción a quén suministraban carbón, moitos destes locais pasan a transformarse en tendas de ultramarinos, comercios, adegas distribuidoras de viño a granel, casas de pasto, tabernas,etc.

De igual xeito, tanto á xente de Guillade como os seus veciños, empezan a atopar o seu nicho laboral especializándose en traballos e áreas concretas: os guilladenses na hostelería, os de Santiago de Oliveira na construción, mentres que por exemplo os de Pazos de Borbén comezan a destacar como cociñeiros.

Dentro deste contexto de relativa prosperidade e bonanza económica, a colonia galega coa chegada do século XX pode empezar a permitirse pequenos luxos e praceres inimaxinábels tempos atrás... Así en 1907 na rúa Ribeira Nova xurdiría a semente do que co tempo pasaría a chamarse a “Xuventude de Galiza”, que un ano máis tarde instálase na rúa de Rosa, onde permañeceu como centro de reunións e xuntanzas ata o 1912, ano no que se traslada á rúa da Madalena ata que finalmente en 1988 gracias a unha doación do empresario de Caritel (Pontevedra) Manuel Boullosa a “Xuventude” pasa a ocupar o palacete da rúa Julio Andrade.

Nembargantes, moitos dos nosos paisanos xa non chegaron a disfrutar das actividades e actos celebrados en dito palacete, xa que a mediados da década dos 70, nos convulsos anos da caída do Salazarismo, máis da metade da colonia galega asentada en Portugal (en torno a 30.000 persoas naquel intre) abandoan o país para voltar definitivamente á Terra.

Hoxe en día o panorama e a situación política e social é ben diferente, a migración galega a Portugal caracterízase pola súa alta cualificación e por ser cuantitativamente menor que noutrora, sendo agora “os nosos veciños do sur” os que se ven na obriga de desprazarse á Galiza a traballar en sectores duros como a construción, se ben é certo que gracias as novas vías de comunicación unha inmensa cantidade de persoas desprázanse diariamente ao longo do Eixo Atlántico para ir traballar a un e outro lado do Miño, en multitude de diferentes sectores e variadas actividades: médicos, estudantes, comerciantes... voltando de novo ao remate da xornada ás súas casas.

Os tempos cambian, a vida da moitas voltas, onte fomos nós, agora son eles... a emigración non é algo novo... sempre existíu; cambian os destinos, as rutas, as formas de emprender as odiseas persoais de cada un dos individuos que se mira na obriga da afastarse da súa terra e familia: antes cruzábase o Miño nunha barca de remos, logo apareceu o trasbordador, agora hai unha ponte... e que sorte tivemos por estar a unha dúcea de metros doutro lado e non a unha dúcea de kilómetros, e de non ter que pasar en pateras!! Lembranos ísto a algo?

Chuzame! chuzame -
Historia de Ponteareas
xaneiro 5th, 2008 by guillade in Memoria histórica No Comments

No ano 1983 publícase esta Historia de Ponteareas, libro que recolle dous traballos, o primeiro de Mariano Piñeiro Groba e o segundo de Claudio González Pérez. Nel atóponse varias referencias á parroquia de Guillade.

"A primeira cita documental é do ano 963, e trátase dunha donación ó mosteiro de Santa Leocadia, que estivo situado no lugar de A Encostada, pertencente á desaparecida parroquia de Santa Leocadia de Guillade, que aínda existía no 1528. O 18 de maio de 1074, Hermesenda Menéndez entregoulle ó bispo de Tui, entre outras, a feligresía de San Miguel de Villate. E, por último, o 5 de febreiro de 1205 o rei Alfonso IX donou a Suero Didaci o realengo de Guillady, cos seus cotos, donación que volveu a confirmar en 1228, e este entregoullo ó mosteiro de Melón" (pp. 65-66 do traballo de Claudio González Pérez).

A obra do párroco de Angoares D. Mariano Piñeiro Groba fora xa publicada no ano 1941, e ademais dos datos propiamente históricos incide nos aspectos etimolóxicos da toponimia de todo o concello.
A segunda parte da obra corresponde a Claudio González Pérez, membro do Instituto "P. Sarmiento" de Estudos Galegos, e fai unha revisión histórica e dedica un apartado significativo ás figuras de ponteareáns ilustres.

Para rematar poñemos unha foto dunha pía medieval que estaba na capela de Santa Leocadia, que ven no citado libro.

Chuzame! chuzame -

Unha lembranza especial merece o cura de Guillade no tempo do Guerra Civil española de 1936. Don Manuel D. Benavides, (escritor ponteareán nacido en 1895 e falecido en México en 1947) recolle no seu libro La escuadra la mandan los cabos, en Edicións Roca, México 1976, (reimpresión do orixinal de 1944), a seguinte louvanza:
(...) Así andaban os que non fuxían. Os lobos de Ourense xuntáronse cos de Vigo e Pontevedra. Ex presidiarios e curas ían con eles. Non todos os curas. O de Guillade, a parroquia mais esquerdista de Ponteareas, era un bo cura. En Guillade detiveron a numerosos veciños. O abade, sotana limpa, correu a Pontevedra.

Sóltenme aos de Guillade — dixo.

- Son os mellores fregueses que teño.

O señor abade, non se moveu das portas do cárcere até que soltaron aos seus fregueses. Ai, se todos os curas de Galiza fosen como o bo cura de Guillade!

Ver a historia completa na batalla de Lavadores.

En Galiza Sosego.

Se bos gusta coñecer as historias da guerra civil na nosa provincia, tamén é interesante o libro de Víctor Freixanes titulado Memoria dun fuxido.1936, que narra as aventuras dun home chamado o Fresco, que era de Ponteareas.

Chuzame! chuzame -
Benvida
decembro 23rd, 2007 by guillade in Memoria histórica No Comments

Neste nadal do 2007 iniciamos a andaina neste blog. Ánimo a todos!!

Chuzame! chuzame -