Guillade
Historia, cultura tradicional, persoeiros…
Benvida
Xose

Este blog pretende ser un medio onde recoller aspectos diversos da cultura de Guillade (tradicións, historias antigas, literatura…). Un modo de coñecer a xente que nos precedeu e nos marcou o camiño, así como aquela outra que hoxe en día segue facendo historia.

A participación nesta páxina queda aberta a calquera persoa que queira contar algo, para facelo podedes mandar un e-mail a xose.vidal@gmail.com para solicitar permisos. Grazas.

Guillade é o nome da nosa aldea. No censo de hai 4 ou 5 anos contaba cuns 550 habitantes. As casas atópanse moi espalladas, e repartidas entre os diversos barrios ou lugares. En Guillade distínguese dúas zonas antes máis diferenciadas que agora: Guillade de Arriba e Guillade de Abaixo.

Hai xa unhas décadas a rivalidade era forte entre as dúas zonas de Guillade, e os rapaces acostumaban pelexar uns cos outros. Dende hai 30 anos para acá a situación foi mellorando neste aspecto e hoxe en día a integración e moi alta, e diría que plena no que se refire á xuventude. Os lugares de Guillade de Abaixo son: Mourigade, a Rañó, Carballede, Pontedexil, a Val, a Igrexa, Pazos, e Reimonde. En Guillade de Arriba temos a Vigaira, a Cabadiña, o Eirado, a Encostada, a Lomba, e Vilar.

Guillade é unha parroquia pertencente ó concello de Ponteareas, no Sur da provincia de Pontevedra, que hoxe en día conta cun censo duns 21.000 habitantes. Ponteareas ten crecido estes últimos anos. Industrias hai poucas, máis activo está o sector do comercio, e moito máis o da construción, aproveitando a súa proximidade á cidade de Vigo. A agricultura é apenas de subsistencia e está en decadencia aguda. Só os vellos nas aldeas seguen mantendo vivas as súas terras por unha cuestión de morriña, orgullo ou algo así, pero economicamente son unha ruína. Moita xente deste concello vai traballar á zona de Vigo; outra, tamén moita anda emigrada, principalmente en Madrid, no sector da hostelería, pero tamén foron lugares importantes para a emigración Lisboa, Francia, Alemania, etc. Hai uns anos Ponteareas era un centro importante onde se celebraban feiras de gando, os días 14 e o último sábado de cada mes.

Retomando a historia de Guillade, penso que tivo unha significación especial para o seu desenvolvemento económico a emigración a partir de fins do século pasado e primeira metade deste século. Na aldea eu aínda coñezo xente que estivo emigrada en Sudamérica, principalmente na Arxentina, e tamén no Brasil, e que aínda hoxe seguen residindo alá; outros xa se viñeron. Pero penso que aínda moito máis importante foi a emigración a Lisboa, tamén neste século. Hai varias familias de Guillade, e case se podería dicir que as máis ricas, que estiveron moitos anos en Lisboa, posuíndo alá restaurantes e tamén predios –terras e vivendas.

Nalgún caso tamén emigrou algunha persoa a Barcelona, traballar principalmente na construción e na hostelería. En Mourigade tamén había dous veciños que estiveran traballando en París, primeiro limpando “bureaus”, e logo nunha canteira ou algo así, como o Benito da Masquina. Outras dúas persoas de Mourigade, estiveron en Alemania, creo que na construción, como o Amadeo do Coto e o Pepe do Bucio. O canario dos Quintos tamén estivo en Alemania pero logo acabou embarcando en cruceiros polo Caribe, e tamén o José do Ledo, e moitos máis.

Tal vez por iso as festas do verán tiñan moito sentido na parroquia e eran o acontecemento supremo, pois naquelas datas reuníanse moitos destes emigrantes. Aínda hoxe en día seguen mantendo o seu vigor, a pesar de que un gran sector da xuventude pasa totalmente delas.

Guillade está só a 15 Km de Salvaterra de Miño, vila que extrema con Portugal. Isto tivo a súa importancia en tempos atrás, cando por exemplo en tempos da Guerra Civil moitos se escaparan para Portugal, ou cando se practicaba o contrabando co país veciño; pero á marxe destes detalles podemos dicir que a cultura portuguesa non calou en Guillade, tal vez permaneza na lingua un par de palabras importadas hai moitos anos, pero pouco máis… se cadra na conciencia colectiva queda a imaxe de que Portugal é un pais máis atrasado. Aquí tamén hai excepcións, e sobre todo hai algunhas persoas que residiron durante anos naquel pais, sobre todo na súa infancia, e que hoxe o veneran.

Nas últimas eleccións políticas en Guillade gañou o Partido Popular, e anteriormente o tiña feito Alianza Popular… Isto pode ter a súa explicación. En tempos dos nosos avós había varios caciques no pobo, entre os que destacaban presumiblemente o maestro, tal vez o cura, e algún máis. Eles arranxábanlle pequenos detalles á xente da aldea… podían escribir cartas… arranxaban asuntos de herencias e cousas semellantes onde había que andar con papeis,… prestaban algúns cartos… algúns favores facían… e logo moita xente víase moralmente obrigada a devolver eses favores, por exemplo cun voto na urna. Pero os caciques tamén farían pouco sen os seus lugartenentes, outros personaxes secundarios da parroquia que transmiten a ideoloxía do cacique e colaboran coa causa, por exemplo animando á xente a votar, dándolle a papeleta na man ou mesmo acompañándoa ata as urnas. Estes persoeiros esperan tamén algún favor do cacique a cambio da súa disposición. Sen embargo, nos últimos anos digamos que tamén houbo certa oposición, primeiro representada en UCD e máis recentemente no PSOE, incluso achegándose perigosamente a disputa-la hexemonía do PP. Máis recentemente o Bloque Nacionalista Galego comezou a amosa-la cabeza e perfílase como futuro relevo do PSOE e incluso como aspirante á victoria, pois moita xente nova tira polo Bloque. Podemos dicir que de xeito paulatino pero seguro o PP vai cedendo terreo, e vaise indo cos vellos caciques.

A cultura folklórica de Guillade eu resumiríaa nas festas do verán, creo que se chaman as do Santísimo Cristo da Victoria. Celébranse o 25 de xullo durante 2 ou 3 días e o orzamento para elas debe andar polos 12 mil euros cada ano. A xente maior ponlle moita ilusión na organización da festa. Tamén en agosto se celebran algúns anos as festas do Señor, a primeiros de agosto, moito máis modestas e financiadas polas parellas que celebran as súas bodas de ouro ou de prata. Nese día elabórase diante da porta da igrexa unha alfombra floral, a imitación das que se constrúen para a festa do Corpus Christi en Ponteareas.

As demais festas tradicionais foron quedando relegadas ó esquecemento. Por exemplo, as festas do entroido só as celebran agora na parrroquia os pequerrechos, que se disfrazan e van polas casas pedir algunhas moedas. Ultimamente inténtase recuperar este festa a través da Asociación de veciños. A xuventude prefire ir a Ponteareas celebrar un entroido segundo os novos costumes. As festas de San Xoán tamén se están extinguindo. Noutros tempos, e non hai moito, aínda se xuntaba unha recua de rapaces, máis de 20 ás veces, e ían roubar carros do gando ós veciños da parroquia. Eu participara nalgunha daquelas aventuras, e en verdade que era emocionante. Algúns veciños esperábante axexando e soltaban os cans ou incluso saían coa escopeta a pegar algún tiro ó aire. Cando lle escapabamos cun carro a algún destes supuña unha fazaña para nós e xustificaba o traballo de toda a noite. Logo xuntabamos os carros na Cruz do Valado, o punto neurálxico da parroquia. Pero co paso dos anos os carros foron indo a menos… moito deles íanse pudrindo por falta de uso e non se remprazaban… acabou por deixar de haber carros… e os mozos novos apenas se dedicaron a roubar cancelas e portais.

Sobre as festas do magosto… tampouco eran grande cousa. Como moito íamos a un monte cercano, encendíamos unha fogueira e botabámo-las castañas a asar. Logo mentres comíamos facíamos algún tipo de festa, con guitarra ou sen ela, bebíamoslle uns traguiños, … e andando.

As festas do Natal son máis modernas… a xente nova métese en Ponteareas nos pubs e disco-pubs, felicítanse, deséxanse feliz ano novo, danse bicos, etc.

Hoxe en día hai en Guillade unha nova xeración de xuventude, digamos que entre 20 e 30 anos, e tamén veñen novas fornadas detrás. Sei que hai subgrupos aí dentro, e algún deles digamos que máis crítico, máis concienciado politicamente, máis filósofos… Outros imaxínome que pensarán máis en ir ligar, en buscar traballo ¡xa!, en fumar uns canutos… Creo que as cousas aínda non son moi fáciles para eles.

A igrexa é un dos lugares de reunión social. Antes tiña moita trascendencia ir á misa tódolos domingos, e ir guapo senón querías que as malas linguas comezasen a criticarte. Agora xa non se enche a igrexa e penso que vai en decadencia. A abstención creo que vai gañando adeptos… Máis éxito teñen os bares; hai 2 en Guillade de Abaixo e outros dous polo menos en Guillade de Arriba. Podo dicir que polo menos os sábados e os domingos están a tope e non collen os coches na estrada, de xeito tal que ás veces parece que alí se está celebrando unha voda.